Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta destaca na Coruña a calidade e a diversidade do sector artesán galego


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou o obradoiro téxtil de Javier Quintela, que confecciona traxes artesáns a medida para noivas e cerimonias

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou na Coruña o obradoiro téxtil de Javier Quintela, que destacou como un exemplo da calidade e a diversidade do sector artesán galego. Despois de máis de 14 anos traballando no mundo da moda en empresas como Inditex ou Carolina Herrera, Javier Quintela decide no 2010 crear o seu propio atelier, un taller textil centrado nas noivas e traxes de cerimonia, realizando cada prenda de forma artesanal e a medida.

Esta firma foi unha das cinco participantes baixo a marca Artesanía de Galicia na segunda edición de Maison Vogue Novias, que se celebrou o 9 e o 10 de marzo en Madrid. Ademais, é unha das beneficiarias do programa para impulsar a incorporación de talento á Artesanía de Galicia a través da formación de aprendices activado pola Xunta, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanece aberto ata o vindeiro 16 de setembro.

Esta iniciativa, publicada recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado, aposta pola formación dual, é dicir, tanto teórica como práctica, impartida nos propios obradoiros artesanais baixo a supervisión dun titor coa formación e experiencia necesarias.

Ao remate do período formativo, a empresa terá que expedir un certificado ao bolseiro acreditativo das horas, período e contidos de dita formación. Os alumnos, que deberán contar con titulación de formación profesional ou grao, poderán solicitar a Carta de Artesán ao remate do período formativo.